Os últimos anos foron ricos en acontecementos de moita trascendencia política. Poderíamos dicir có lustro que agora remata foi o máis intenso en mobilizacións sociais desde a loita contra a dictadura. Se isto é certo para todo o Estado español, aínda o é máis para Galiza: folga xeral de xuño de 2001 (anticipo da estatal dun ano despois), LOU, Prestige, guerra de Iraq…

Tendo en conta este trasfondo é como debemos analizar a evolución do BNG e o dilema no que agora mesmo se atopa. Aparentemente hai un paradoxo: ese intenso e prolongado período de mobilización social coincidiu cun pronunciado xiro da dirección do BNG á dereita, a posicións políticas máis moderadas. Estamos seguros que esta contradicción é unha fonte de debate e preocupación para milleiros de activistas de esquerdas que militan no nacionalismo galego, sobre todo tendo en conta os resultados colleitos por ese xiro nos últimos tempos.

Como os marxistas sinalamos en moitas ocasións, o éxito electoral do BNG foi producto directo das súas tradicións combativas e do seu arraigo social. Mentres foi percibido como unha forza comprometida na loita pola transformación social, o Bloque foi gañando progresivamente apoio electoral. O sorpasso ó PSdeG nas autonómicas de 1997 só foi posible por ese perfil combativo que sempre distinguiu ó BNG, combinado cunha actitude non sectaria de cara ó PSdeG, deixando ben claro que o inimigo a bater é a dereita.

Os efectos da nova orientación

Pero o avance electoral do BNG foise desacelerando, incluso con algún retroceso, como nas pasadas xerais ou nas municipais de 2003. O máis curioso é que un dos argumentos para xustificar ese xiro á moderación foi a ampliación da base electoral do Bloque. O resultado foi o contrario: unha parte importante do voto ó BNG volveu ó PSOE ou perdeuse na abstención. Unha política municipal que en pouco se distinguiu da do PSdeG, baseada en “xestionar o sistema”; a alianza con partidos da dereita nacionalista de Cataluña e Euskadi nas eleccións europeas; os constantes xestos ó empresariado galego... todo isto marcou a nova orientación do Bloque nos últimos anos e está prevalecendo ata hoxe.

As mobilizacións dos últimos anos acentuaron a polarización política entre dereita e esquerda. Este non é un mal terreo para unha organización con tradición de loita e un perfil combativo. Pero a dirección do BNG persiste en situarse no “centro” político.

Desde o punto de vista da loita por transformar as condicións de existencia da maioría do pobo galego, a batalla electoral ten a súa importancia. Os marxistas nunca desprezamos esa fronte. Pero a experiencia do BNG ten moitas leccións que non podemos pasar por alto: supeditar a liña política ó éxito electoral pode rematar no peor escenario posible, fracasando no terreo electoral e, aínda máis grave, debilitando o seu perfil combativo e o seu arraigo social, é dicir, os factores que permitiron ó Bloque converterse nun poderoso atractivo para as masas.

A disxuntiva é clara: ou a dirección do Bloque rectifica e profunda nos factores que lle permitiron crecer organizativa e electoralmente, é dicir, a súa identificación coa loita pola transformación da sociedade e polos dereitos democrático nacionais, ou segue a actual traxectoria, que só pode ter consecuencias desastrosas desde o punto de vista da súa base militante.

Dúas vías, dúas consecuencias

Ambas opcións teñen a súa lóxica interna de seu, da que se desprenden inexorablemente consecuencias programáticas, ideolóxicas e organizativas.

Incluso no suposto de que o BNG tivese éxito no futuro en captar votos que tradicionalmente van ó PP, algo altamente improbable nestas eleccións, ¿de qué serviría? ¿a qué contribuiría desde o punto de vista dunha organización que xustifica a súa existencia histórica na loita pola transformación da sociedade? Se o persistente xiro á moderación da dirección do BNG ten como obxectivo convertelo nunha formación política como CiU ou o PNV, baseándose en sectores que se poidan separar dun PP en crise, o éxito da operación non podería ser máis negativo para os que loitan por rematar coas lacras do capitalismo e en defensa dos dereitos democráticos do pobo galego, incluíndo o dereito de autodeterminación.

CiU e PNV son as organizacións políticas das burguesías catalana e vasca, aplicaron con celo políticas socialmente regresivas, bateron records na privatización do ensino e a sanidade, reprimiron salvaxemente manifestacións cando os seus intereses estaban en xogo, etc. Unha cousa son os intereses democráticos nacionais do pobo catalán e vasco, e outra é a interesada utilización deses intereses por parte da burguesía para acadar as súas propias fins.

Por outra banda, unha recuperación do perfil combativo que historicamente tivo o BNG necesariamente levaría a unha cuestión fundamental: ¿cómo resolver os problemas da clase obreira e da mocidade galegas?, ¿cómo rematar co desemprego, coa emigración, cos baixísimos salarios, con calquera tipo de opresión lingüística e nacional?, ¿cómo garantir unha vivenda, sanidade e ensino dignos para a nosa clase?

Se o BNG aspira a resolver estes problemas, ha dotarse dun programa capaz de solucionalos. ¿“Adelgazar a administración pública”, un “uso máis racional dos recursos”, “unha negociación máis dura con Madrid” ou a esixencia abstracta de “respecto para Galiza” son a alternativa? Nós pensamos que non.

Nunha economía capitalista, os aspectos fundamentais da vida da xente están determinados por uns cantos monopolios e bancos. E só se pode “facer política” sobre o que realmente controlas. Unha Xunta de esquerdas que realmente queira facer unha política en beneficio do pobo traballador galego necesariamente tería que facerse coas pancas fundamentais da economía galega, nacionalizándoas baixo control obreiro, para así poñela ó servizo da maioría da sociedade.

A defensa deste programa atoparía unha gran resistencia por parte dos poderosos, da burguesía, e por suposto afastaría do Bloque ós “empresarios con conciencia de país”. Pero a cambio, tería o respaldo entusiasta dos traballadores e a mocidade. Ademais, unha Xunta de esquerdas abertamente decidida a facer fronte ós problemas da maioría sería un referente para os traballadores y mozos de todo o Estado.

En definitiva, a única solución consecuente ós problemas que afectan á maioría da sociedade galega pasa pola adopción dunha política xenuinamente marxista, revolucionaria e internacionalista. A opresión social e nacional son inherentes á existencia do capitalismo. Ningún dos problemas fundamentais do pobo traballador galego se van solucionar baixo o capitalismo.

A importancia das ideas

En Europa e en todo o mundo estase producindo unha brutal ofensiva contra as conquistas que aínda quedan do pasado. Para manter as súas cotas de mercado e de beneficios, os empresarios necesitan continuar deteriorando as condicións de traballo e de vida da maioría da sociedade. Todos eses ataques están preparando as condicións para un enfrontamento brutal entre as clases. Galiza non escapa a esa perspectiva. As impresionantes mobilizacións do pasado máis recente son os primeiros síntomas da nova etapa histórica na que estamos.

A clase obreira demostrou a súa capacidade de loita, e volverá facelo no futuro. Tamén os traballadores e mozos das filas do nacionalismo galego demostraron a súa capacidade de combate. Pero agora máis ca nunca, a loita ideolóxica vaise revelar como decisiva.

A presión por parte da burguesía mundial redobrarase en todas as frontes, incluíndo a exercida sobre a dirección das organizacións da esquerda, das que en grande medida dependen para manter a estabilidade do sistema. Desprovistas dunha perspectiva que vaia máis aló do “posible” baixo o capitalismo, as organizacións da esquerda fanse moito máis vulnerables a ideas alleas ós intereses dos traballadores. Baixo o signo do “realismo”, remátase por diluír a diferencia entre a política practicada polos dirixentes da esquerda e a practicada pola burguesía. É necesario dar unha batalla moi seria para que as organizacións da esquerda, tanto políticas como sindicais, estean á altura da situación, que sexan ferramentas eficaces para que os traballadores e a mocidade poidamos defendernos dos ataques da burguesía e facer valer os nosos intereses. Nesa batalla, que ten un fondo contido ideolóxico, o marxismo é o instrumento decisivo.

A necesidade do socialismo porase á orde do día, a vixencia das ideas do marxismo expresarase na necesidade de dotar ó movemento obreiro e xuvenil dunha perspectiva, un programa e uns métodos xenuinamente revolucionarios, para poñer fin ó sistema capitalista en Galiza, no Estado español e no mundo.

banneringles

banneringles

banner

banner

banner

banneringles

banneringles

bannersindicalistas

bannersindicalistas