Por primeira vez o galego é a lingua minoritaria na Galiza. A esa conclusión chegaba o Instituto Galego de Estatística (IGE) no seu último estudo sobre o coñecemento e o uso do galego en 2023. Unha situación de emerxencia que non cae do ceo, senón que é consecuencia directa da política lingüística destrutiva do PP na Xunta cuxo saldo é demoledor: a perda dun 20% de falantes en dúas décadas.
Para a dereita, que ve en toda diversidade, en todo sinal de identidade nacional e na propia riqueza cultural e lingüística un problema, non hai motivo de preocupación, ao revés. En palabras de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística do PP, "a situación sociolingüística da lingua en Galicia é dinámica e está en permanente evolución, mantendo un elevado coñecemento da lingua galega por parte dunha sociedade bilingüe que convive nos dous idiomas cooficiais nun territorio cun modelo que non xera conflitos".
Nada novo baixo o sol, manipulación marca PP, que atopaba pronto a súa resposta na multitudinaria manifestación que o 23 de febreiro ateigaba Santiago de Compostela en defensa do galego.
Destrución do ensino público e ataques ao galego, as dúas caras da mesma política
A política de desmantelamento do ensino público por parte do PP é dabondo coñecida e o seu resultado en 15 anos de Goberno é devastador. Desde 2008 o número de unidades funcionando na pública baixou, mentres as da privada avanzaron e hoxe supoñen xa o 25%. Entre 2008 e 2023 perdéronse 174 centros públicos, 103 dos cales corresponden en exclusiva á educación infantil, cebándose cos máis pequenos e co alumnado con necesidades específicas.
No período de Feijóo na Xunta eliminouse a gratuidade dos libros de texto, pecháronse 164 centros de ensino, elimináronse 841 profesores e reduciuse á metade o gasto en bolsas. Con Rueda a privatización e os recortes continúan, e as prioridades do PP tamén. O mesmo afán clasista, de recortes nas aulas dos fillos da clase traballadora, é o que está detrás do retroceso do uso e descoñecemento do galego entre a xente nova, en máximos históricos.
Os datos son rotundos: o 29,6% de residentes na Galiza fala sempre en castelán fronte ao 20,2% en 2008, o ano anterior á chegada do PP ao Goberno da Xunta. O 53,6% da poboación de entre 5 e 14 anos e o 43% da franxa de 15 a 29 afirma expresarse sempre en castelán: 24,1 e 17,6 puntos máis respectivamente que en 2008.
Pola contra, só o 7% da poboación entre 5 e 14 anos asegura falar sempre en galego, chegando esta cifra ao 11,9%, para as persoas entre 15 e 29 anos, o que representa un descenso de 8,2 e de 6,6 puntos en relación a 2008. A comunicación en galego entre estudantes de ensino obrigatorio menores de 17 anos pasou en 20 anos do 26,22% ao 4,65%, mentres a comunicación exclusiva en castelán está no 47,35%. Pero non é só o uso, é o descoñecemento total. 70.891 mozos entre 5 e 14 anos (o 32,4%) recoñeceron en 2023 a súa imposibilidade para expresarse en galego, un incremento de máis do 110% en relación a 2008! Se non paramos xa esta ofensiva salvaxe, o futuro dos nosos dereitos lingüísticos será a súa desaparición.
Este é o resultado das políticas educativas do PP, especialmente da aplicación do decreto de plurilingüismo imposto pola Xunta de Núñez Feijóo, que entrou en vigor en 2010 e impide a existencia de liñas públicas de ensino íntegro en galego ademais de prohibir o uso do galego nas aulas para impartir Matemáticas en Primaria, e Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía en Secundaria. Ademais, o cento por cento dos materiais educativos das escolas infantís das cidades está en castelán, mentres só o 9% delas utiliza maioritariamente o galego. É dicir, na idade en que as nenas e nenos comezan a falar, o galego está ausente.
Manipulación e racismo sen límites
Conscientemente, e en liña cos ataques á educación pública, está a levarse a cabo un progresivo desprazamento do galego no resto dos servizos públicos, tamén na diana do Goberno de Rueda.
A Televisión Pública Galega é un bo exemplo disto. Os e as traballadoras da TVG están a levar adiante unha loita admirable, con meses de paros e folgas contra a privatización dos servizos e denunciando a manipulación informativa cada venres negro. Agora o PP propón o uso do castelán na única televisión pública que manexa ao seu antollo. Con estas políticas o raro sería que o galego non estivese en caída libre.
A manipulación é a protagonista tamén da sondaxe de “percepción social do galego” que “pouco despois de coñecerse os datos do IGE” a Xunta encargaba á empresa privada Sondaxe (propiedade do mesmo grupo que La Voz de Galicia, voceiro do PP)*. Segundo este “estudo”, realizado supostamente cunha mostra de 1.200 entrevistas fronte aos 9.000 fogares enquisados polo IGE, os resultados son xusto os opostos: “94,5% dos pais afirman que os seus fillos saben falar galego” e, ante a pregunta de se existe algún idioma “discriminado”, a resposta é que “unha ampla maioría considera que non, e esta maioría mantense entre as persoas que empregan habitualmente o galego, entre as que o fan co castelán, ou en ambas as linguas”.
Por se isto fose pouco, e a pesar de que a Xunta non tivo máis remedio que recoñecer a caída no número de galego-falantes, no máis puro estilo clasista e racista a que nos teñen afeitos, o secretario xeral de Política Lingüística aseguraba que “a poboación procedente do exterior é un dato moi importante que inflúe directamente no incremento de castelán-falantes”. É dicir, que a culpa do retroceso do galego non é das políticas do Goberno do PP, senón das persoas migrantes!
Hai que derrotar as agresións do PP ao galego e os servizos públicos nas rúas
Unha lingua que foi capaz de sobrevivir a persecución da ditadura franquista está hoxe ameazada de converterse en residual nun futuro non moi afastado polos mesmos que a prohibiron entón, que sempre a desprezaron, e que quixeron facer que o pobo galego sentise vergoña polo seu empeño en mantela viva.
Fronte a estes defensores da España unha, grande e libre, a defensa do uso e do coñecemento do galego pasa polo mesmo que a defensa de todos os dereitos da nosa clase: a loita e a organización.
Ningún pacto cos que atacan o galego vai conseguir reverter esta situación. A nosa forza está nas rúas e de aí a importancia da gran manifestación convocada pola Plataforma Queremos Galego! en Compostela este 17 de maio, Día das Letras Galegas. Ese día encheremos as rúas en defensa dos nosos dereitos lingüísticos, por unha oferta cultural pública e accesible que promocione a nosa lingua, contra as políticas da Xunta e para esixir a derrogación inmediata do decreto do plurilingüismo, un ensino público 100% en galego e por uns servizos públicos de calidade con atención en galego garantida.
* La Xunta encarga a una empresa privada un sondeo que contradice los datos sobre el gallego del instituto estadístico oficial (eldiario.es, bit.ly/44yM0Fd).